Procedemento de inscrición


Procedemento inscrición

estrela de mar 1. Rexistro de solicitantes, solicitude telemática de participantes e primeira adxudicación de prazas.

a) Rexistro de solicitantes e solicitude telemática de participantes.

Prazo: ata o 31 de maio.

Solicitantes: Serán solicitantes das actividades ofertadas nos Campamentos Urbanos do Concello de Vigo, o/a pai/nai/titor/titora. Cada solicitante pode incorporar na mesma solicitude un/unha ou máis fillos/as ou titorados/as.

Rexistro de solicitantes. As prazas para a participación no programa serán outorgadas en réxime de concorrencia competitiva.
Para poder realizar as solicitudes de prazas nos Campamentos urbanos do Concello de Vigo é preciso previamente darse de alta como solicitante na web veran.xuventudevigo.org.
Unha vez realizada a alta, asignarase o número de solicitude que permitirá identificar á persoa solicitante e que será empregado no momento do sorteo.Este número aparecerá na pantalla do terminal ao finalizar o proceso de rexistro, na súa área privada e, ademais, seralle remitido ao correo electrónico (no caso de telo aportado).
Só poderá haber un/unha pai/nai/titor/titora solicitante por rapaz/rapaza, sendo excluídos do proceso no caso de que haxa máis dunha solicitude para un mesmo rapaz ou rapaza. Cada solicitante só poderá inscribir aos seus fillos/as, titorados/as.
Darse de alta no rexistro de solicitantes implica a autorización para consultar a veracidade dos datos rexistrados así como a publicación dos datos da persoa solicitante e dos/das menores que inscriba, nos listados correspondentes.

Participantes: serán participantes nos Campamentos Urbanos do Concello de Vigo os rapaces e as rapazas nados/as entre os anos 2000 e 2013.
Cada participante só poderá participar nun campamento, agás que na terceira adxudicación queden prazas dispoñibles.

Solicitude telemática. Na área privada da web, cada solicitante pode introducir os datos de un/unha ou máis participantes para os/as que se solicita praza, indicando as preferencias de actividades e quendas. Estes datos poderanse modificar ata o momento no que se peche o proceso de “Rexistro de solicitantes e solicitude telemática”, sendo válida unicamente a última modificación efectuada.
Anularanse as solicitudes con datos incorrectos ou incompletos, así como aquelas que no momento da formalización da inscrición da praza non concorde co reflectido na solicitude.

Solicitude múltiple. Unha mesma persoa poderá solicitar praza para máis de un/unha fillo/a ou titorado/a, coas mesmas ou distintas preferencias, sendo cada solicitude tratada unha a continuación da outra no proceso de adxudicación.
As institucións que realicen acollemento residencial de menores en situación de tutela ou garda administrativa asimilaranse co caso de solicitude múltiple.

Actividades e quendas escollidas: un máximo de 3, por orde de preferencia. (p.e: a 1ª quenda do campamento na Casa da Xuventude ten o código “XUVENTUDE 1” ou 3ª quenda do campamento Verán en Mariñeiro ten o código “MARIÑEIRO 3”).

Seguimento da solicitude. Poderase visualizar o estado da solicitude de cada participante na área privada. Os estados posibles son: “solicitude realizada” (agardando adxudicación de praza), “pendente formalización” (unha vez adxudicada pero sen pechar o proceso de formalización da praza); “praza formalizada” (unha vez adxudicada e formalizada a praza) ou “baixa” (por ter sido excluído, por renunciar, por non ter formalizado a praza ou por non ter atendido á corrección de erros).

De non ter posibilidade de acceder a internet ou de necesitar axuda, tanto para realizar o rexistro como a solicitude, a Concellería de Xuventude disporá persoal de apoio e varios ordenadores a disposición dos/as interesados/as.

b) Primeira adxudicación de prazas.

Listado definitivo de solicitudes (2 de xuño). Con antelación ao acto do sorteo publicarase no taboleiro da Casa da Xuventude o listado definitivo de solicitudes, indicando número de solicitude, nome e apelidos do/da solicitante, nome da persoa/as participante/es asociada/as e preferencias escollidas. Deste listado quedarán excluídas as solicitudes con datos incorrectos ou incompletos, así como nas que se detecte que dúas persoas solicitantes inclúen ao mesmo rapaz ou rapaza en distintas solicitudes. O soporte dixital deste listado definitivo será o empregado no proceso de adxudicación.

Método de adxudicación de prazas: por sorteo entre todos os números de solicitude admitidos.

Acto do sorteo: será presencial e terá lugar na Casa da Xuventude, o 2 de xuño ás 12:00 h sendo a sesión pública ata encher o aforo da sala empregada. Neste sorteo determinarase unicamente o primeiro número de inicio do proceso. Na sesión estará presente un/unha funcionario/a municipal que dará fe do resultado do mesmo.

Proceso de adxudicación: unha vez rematado o acto de sorteo, a Concellería de Xuventude iniciará a porta pechada a adxudicación de participantes a actividades e quendas. A partir do número de solicitude resultante do sorteo, seguindo a orde do “Listado definitivo de solicitudes” ata o final do mesmo, e proseguindo dende o primeiro número do listado ata chegar ao número de solicitude previo ao sorteado, procederase do seguinte xeito para cada caso:

a) Primeira opción: comprobarase se hai praza e, de habela, adxudicaráselle; de non habela, pasarase á segunda opción.
b) Segunda opción: comprobarase se hai praza e, de habela, adxudicaráselle; de non habela, pasarase á terceira e última opción.
c) Terceira opción: comprobarase se hai praza e, de habela, adxudicaráselle; no caso de non habela, o/a participante queda sen praza neste primeiro proceso de adxudicación, optando automáticamente ás prazas dispoñibles na segunda adxudicación.
Nos casos de solicitude múltiple, aplicaráselle o procedemento descrito a cada unha das persoas participantes asociados á mesma. Ao concluír o proceso quedarán adxudicadas as prazas dos campamentos dando lugar ao Primeiro listado de adxudicación de prazas por campamentos.

Lista de agarda. As solicitudes non atendidas pasarán a formar parte dun listado de solicitudes pendentes de adxudicación ou lista de agarda, o citado listado conterá os mesmos campos que o listado definitivo de solicitudes, e será o empregado para o proceso da segunda adxudicación de prazas.

Publicación(3 de xuño, 12.00h) . publicaránse na área privada da web https://veran.xuventudevigo.org o Primeiro listado de adxudicación de prazas por campamentos, así como o Primeiro listado provisional de prazas vacantes por campamentos e a Lista de agarda. Na área privada da web o estado da persoa participante será “pendente formalización” no caso de adxudicación e “solicitude realizada” no caso de quedar na lista de agarda.


estrela de mar 2. Formalización da inscrición, adxudicación definitiva, corrección de erros na documentación e exclusión de solicitudes.


a) Formalización da inscrición na praza para solicitudes admitidas.

Prazo: do 3 ao 7 de xuño.

Modalidades:
a) Telematicamente: cargando os arquivos a través da área privada da web. A poder ser, incorporar toda a documentación nun único arquivo.
b) Presencialmente: na Casa da Xuventude (López Mora, 31), en horario de 9:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 de luns a venres e de 10:30 a 13:30 e de 17:00 a 20:00 o sábado.
Non se admitirá por correo electrónico.

Documentación a presentar:

  • Ficha de inscrición, asinada por pai, nai, titor ou titora legal. Estará dispoñible para a descarga na área privada.
  • Fotocopia do libro de familia, no caso de non ter DNI o/a menor.
  • Xustificante de pagamento (se a actividade así o require). Na área privada estará dispoñible o acceso ao pago con tarxeta ou o documento a cubrir para tramitar na entidade bancaria.

b) Adxudicación definitiva e corrección de erros na documentación.

Prazo adxudicación definitiva (10 de xuño, 12:00 h).

Se no proceso de comprobación se detecta a ausencia dalgún documento ou algún outro erro, requiriráselle ao solicitante para que repare os erros advertidos de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 01 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e artigo 20.5 da Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG) para que no prazo de 10 días (contados a partir da recepción da notificación vía correo ordinario ou correo electrónico), emende a falta ou achegue os documentos requiridos,e informaráselle de que, no caso de non facelo, entenderase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente nos termos previstos na citada lei.
Unha vez entregada e comprobada toda a documentación, coa correspondente corrección de erros se fose o caso, a praza quedará asignada definitivamente.
Na área privada da web o estado da persoa participante pasará a ser “praza formalizada”.

c) Exclusión de solicitudes.

Son motivos de exclusión automática do procedemento de adxudicación definitivo de prazas:

  • Renunciar á praza adxudicada a través da área privada da web.
  • Non ter realizado o correspondente pagamento, se a actividade así o require. Este pagamento non terá devolución no caso de reuncia posterior, agás causa grave e debidamente acreditada co correspondente xustificante médico (enfermidade, accidente...)
  • Non entregar toda a documentación requirida ou non corrixir os erros no prazo sinalado.
  • Falsear datos no formulario de rexistro.

Na área privada da web o estado da persoa participante pasará a ser “baixa”.


estrela de mar 3. Segunda adxudicación, formalización da inscrición para prazas vacantes, adxudicación definitiva e exclusión de solicitudes.


a) Segunda adxudicación de prazas.

Primeiro listado definitivo de vacantes por campamentos (10 de xuño, 12:00 h). A partir do Primeiro listado provisional de prazas vacantes por campamentos, e unha vez completado o proceso da primeira adxudicación, elaborarase o Primeiro listado definitivo de prazas vacantes por campamentos, incluíndo as prazas procedentes da exclusión de solicitudes. Publicarase o mesmo na web.

Método de adxudicación de prazas: adxudicación directa entre as persoas participantes recollidas na lista de agarda seguindo o mesmo método da primeira adxudicación.

b) Formalización da inscrición de prazas vacantes, adxudicación definitiva e exclusión de solicitudes

Prazo: 12-13 de xuño.

Lugar e documentación a presentar: igual que para a primeira adxudicación

Adxudicación definitiva (17 de xuño, 12:00 h.) e corrección de erros na documentación : seguirase o mesmo procedemento que para a primeira adxudicación.
Se no proceso de comprobación se detecta a ausencia dalgún documento ou algún outro erro, requiriráselle ao solicitante.

Exclusión de solicitudes: seguirase o mesmo procedemento que para a primeira adxudicación.


estrela de mar 4. Terceira adxudicación, formalización da inscrición para últimas prazas vacantes e adxudicación definitiva.


a) Terceira adxudicación de prazas.

Segundo listado definitivo de vacantes por campamentos (17 de xuño, 12:00 h.).
Unha vez completado o proceso da segunda adxudicación, elaborarase o Segundo listado definitivo de prazas vacantes por campamentos, incluíndo as prazas vacantes e as procedentes da exclusión de solicitudes na segunda adxudicación. Publicarase na web.

Terceira adxudicación. Realizarase de forma presencial na Casa da Xuventude (López Mora, 31), en horario de 9:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00. O procedemento consistirá na adxudicación directa ata cubrir as prazas dispoñibles ( 19 de xuño, para persoas sen praza en nengún campamento)).
Se unha vez rematado o proceso (a partires do 20 de xuño), quedan prazas vacantes, poránse a disposición das persoas que demanden un segundo campamento .
O número de prazas anunciaráse na web.

b) Formalización da inscrición en prazas vacantes, adxudicación definitiva e exclusión de solicitudes

Prazo: dous días a partir do momento de adxudicación

Documentación a presentar na Casa da Xuventude: igual que para a primeira adxudicación.

Adxudicación definitiva: unha vez entregada correctamente a documentación considerarase a adxudicación como definitiva.

Exclusión de solicitudes: seguirase o mesmo procedemento que para a primeira adxudicación.


estrela de mar Devolución da cota de inscrición


Se, unha vez obtida a praza e realizado o pagamento correspondente, a/o menor non pode asistir ao campamento, só terá dereito á devolución da cantidade aboada no caso de que se xustifique documentalmente e polos seguintes motivos :

  • Enfermidade, accidente ou outros ( deberá achegarse xustificante médico).
  • Motivos familiares, enfermidade ou accidente grave dun familiar, falecemento ou outros ( deberá achegar xustificación do motivo).

No caso de non prestación do servizo por causas non imputadas á persoa interesada ou anulación da actividade pola administración a solicitude de devolución da cota presentarase unha vez comunicadas as causas de non prestación do servizo e no prazo de 20 días naturais dende a comunicación e poderá presentarse por calquera das formas previstas no artigo 16.4 da LPACAP.


estrela de mar Información adicional de interese


En cada campamento faranse diferentes grupos, tendo en conta sobre todo a idade e intereses, co obxecto de que as actividades sexan acordes a cada grupo.
A incorporación ao campamento e a saída diaria do mesmo será responsabilidade do pai, da nai ou da persoa que exerza a titoría legal do/a menor. Os horarios dos campamentos con aula matinal e servizo friameira son os seguintes:

  • 7:45 a 9:00h. Chegada e Aula matinal
  • 9:00 a 14:00h. Actividades campamento
  • 14:00 a 15:15h. Saída e servizo friameira

Existe a posibilidade de almorzar na Aula matinal levando o almorzo da casa. O primeiro día de campamento haberá que entregar ao monitorado a “Ficha para recollida de participantes en campamentos” cuberta cos datos de nome, apelidos, foto carnet, D.N.I e sinatura das persoas autorizadas para a recollida dos nenos e nenas.
No caso de non entregala debidamente cuberta con todos os datos das persoas autorizadas e a súa sinatura, entregaráselle á persoa que achegue á/ao nena/o, unha ficha que deberá cubrir cos seus datos e asinar, sendo soamente esta persoa a quen se lle entregará a/o menor ese día ou os sucesivos se non aporta outra ficha de recollida debidamente cuberta e asinada.


estrela de mar Obrigas das persoas participantes


As persoas participantes nos campamentos están obrigadas a:

  • Incorporarse á actividade nos prazos e horarios establecidos.
  • A non abandonar a actividade sen autorización da persoa responsable da actividade.
  • A entregar a documentación requirida. Para a recollida das/os menores á finalización diaria do campamento, sempre será requirida a comparecencia dalgunha das persoas que figuran na folla de autorización e datos complementarios como autorizadas para a recollida da/o menor a cal deberá entregarse debidamente cuberta o primeiro día do campamento.
  • A respectar as normas establecidas polos equipos de monitorado de cada campamento, así como as de réxime interno das instalacións onde se desenvolva.
  • A non transferir a praza asignada.

Todas as cuestións que podan derivarse da interpretación destas bases serán resoltas polo Servizo de Xuventude.

As persoas solicitantes autorizan expresamente ao Servizo de Xuventude a inclusión e publicidade nos rexistros municipais dos datos básicos relevantes referidos ás prazas concedidas. Seguindo os principios de transparencia e de boas prácticas nas administracións públicas, a Concellería de Xuventude publicará na súa páxina web oficial a relación dos/as adxudicatarios/as, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as adxudicatarios/as e da súa publicación na citada páxina web.

A reserva que o/a solicitante faga no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos mesmos nos rexistros, que en todo caso terá que expresarse por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a praza ou, no seu caso, á revogación do acto de concesión. Non entanto, e de conformidade co disposto na Lei Orgánica 15/1999 de 13 de decembro de Protección de Datos de Carácter Persoal,respectarase o carácter confidencial da información dos/as beneficiarios/as á que se teña acceso como consecuencia da concesión das prazas, non podendo utilizala con finalidade distinta á estabelecida nas bases reguladoras desta convocatoria.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases desta convocatoria.